sábado, 4 de marzo de 2017

Debate final (6/2/17)



Con pena porque se remate esta materia chegou o último día de clase no cal fixemos un balance do que vimos durante a andanza desta materia.

No que os coñecementos se refire no meu caso destacaría o scaffolding e que cando falamos de didáctica non debemos de confundir o termo con enfoques metodolóxicos, xa que non son o mesmo. Sen esquecerme claro está de como mestres debemos tratar de ensinar dunha maneira comunicativa e non basada na gramática.

En canto ás competencias, o máis destacable é que debemos de tratar de realizar atractivas para o noso alumnado e que atendan as súas necesidades, é moi importante como mestres que consigamos unha motivación por parte dos alumnos. Non se trata dunha labor doada pero temos que coñecer os nosos alumnos e saber como facelo, diso se trata moitas veces mediante innovación e uso de Tic's e noutros casos con xogos máis tradicionais ou realizando actividades que teñan unha conexión con algo que a eles lles atraia ou interese. En resumo temos que saber como mestres como manexar a nosa aula e facer que os alumnos se sintan cómodos.

Tras un repaso do visto na clase fixemos unha declaración de que puntos dos nomeados anteriormente nos comprometeriamos a levar a cabo como futuros docentes. No meu caso comprométome a facer clases máis comunicativas, atender a todas as necesidades dos alumnos e tentar facer un ensino máis persoanlizado, conseguir que os alumnos se motiven e que todas as actividades levadas a cabo teñan un motivo polo que se realizan para que a aprendizaxe sexa significativa.





Para rematar a clase vimos que medidas poderiamos adoptar para seguir formándonos e aprender na nosa labor como futuros docentes. Entre todas as que vimos en clase, eu destacaría as seguintes estratexias para non quedar estancando e seguir con formación:

  • Ler e consultar blogs de mestres.
  • Apuntarme a cursos de formación.
  • Ler bibliografía especializada.
  • Seguir páxinas sobre didáctica e unirme a comunidades de práctica docente.
  • Solicitar na Xunta proxectos de innovación educativa e poder levar a cabo inercambios con mestres doutros centros.
  • Levar a cabo proxectos e elaborar e actualizar os materiais de traballo adaptándoos ás necesidades do alumnado.
  • E por último pero non menos importante, seguir con este blog e como dixemos a comezo de clase dentro dun tempo leer todas as entradas levadas a cabo para este mestrado.
Sei que aínda estou formándome pero gustaríame que co paso do tempo poida acadar todo o citado nesta entrada e sei que cando o consiga voume sentir moi orgullosa de conseguir o meu soño e de adicarme ó que sempre quixen que é ser mestra e poder transmitir o que sei e traballar con nenos e adultos que me encanta.

Finalmente quería dar grazas polo entusiasmo e por todos os coñecementos e consellos transmitidos  desta materia durante este mes de clases, no cal aprendín máis que en todo o resto do curso. E tamén polo entusiasmo que transmitides como docentes. Un pracer!!

lunes, 13 de febrero de 2017

Debate final (2/2/17)



Pena que rematen as clases desta materia que pasaron voando e nas que puidemos saber como é de preto e de primaria man por mestres a docencia con alumnos de secundaria, ademais de ver diferente material e actividades que empregan nas clases, que non serán moi útiles para as actuais prácticas e por suposto para o noso futuro profesional.


O último día quedouse curto para os diferentes temas que iamos tratar no debate e que eran de interese como futuros mestres. Pareceume moi boa idea que tratásemos temas que consideraban de relevancia para nós e despois ver temas que nos tivésemos en mente e que lles puidésemos preguntar a elas. Un dos temas tratados foi o dos deberes, dende o meu punto de vista si que penso que se lles deben poñer deberes pero sempre na súa xusta medida, e sen que sexan demasiados ou se se trata de actividades máis complexas cando teñan marxe de máis días para preparalas. No caso de inglés penso que se deben mandar actividades de gramática como os drills xa que iso poden facelo eles por si mesmos e non traballar a expresión oral que si debemos de traballar en clase e debido a que tres horas de clase non son suficientes mellor facelo así. Ademais tamén se deberían de mandar de maneira personalizada para aqueles alumnos que teñan que reforzar algunha estrutura. No noso grupo algo que comentamos é que os deberes sexan atractivos para eles e non que o vexan como algo aburrido. No meu caso cando estudei secundaria recordo pasarme tardes enteiras estudando e facendo deberes xa que nos sobrecargaban  e ó mellor tiñamos exame e para ese mesmo día deberes.

Outro dos temas dos que falamos foi as TICS  en concreto o uso do móbil ou no. A verdade é que era un tema que me preocupa bastante se deixarlles usar ou non o móbil, como ben dixeron elas  o problema non está no uso das tecnoloxías senón na xestión da clase como mestre. Antigamente non tiñamos móbil e tamén se buscaban alternativas cando a un alumno non lle interesaba a clase como por exemplo xogar os barquiños ou escribirse notas. Polo tanto, coido que o problema como ben din é do mestre en como el xestiona a clase, que actividades e contidos se ven en clase, como facer para captar a atención do alumnado e que non teñan que coller o móbil ou entreterse con outra cousa xa que lles interesa a clase e son partícipes delas e se lles pasa a hora voando. Si que penso que é útil para usar o dicionario e ver como usalo correctamente e é máis cómodo de usar en formato online.

No que respecta o uso de tecnoloxías en xeral coido que si é útil en inglés para pórlles cancións, o mellor facer un kahoot unha vez ou facer algunha actividade a través das tecnoloxías coas que conte o centro para alternar con xogos con flashcards ou actividades de comunicación ou do libro.





E xa como último tema vimos o tema dos libros de texto dixitais, sobre o cal había diversas opinións, coido que se o libro de texto é doado de usar na pizarra electrónica e conta con un amplo abano de funcións si estaría ben usalo pero de non ser así eu optaría polo libro de papel. Por iso é  tan importante a escolla dos libros de texto do curso e supoño que se pode ver antes de elixir o libro como é o formato dixital. Ademais de que para o uso da pizarra electrónica. ó comezo non debe ser doado cando non tes coñecementos previos de como se usa é probablemente vaias máis lenta nas clases, quedeime sorprendida co feito de que nalgúns casos os mestres non reciben formación sobre iso.

Para resumir como debe de ser un bo mestre deixo está imaxe coas cualidades coas que debe contar:




Para rematar déronnos un kit de supervivencia, un detalle que se agradece moito xa que á hora de facer as prácticas imos estar un pouco perdidos ó comezo e toda axuda é importante, ó igual que todos os consellos que nos destedes ó longo das sesións. Gustaríame dar as grazas  por compartir con nós a vosa labor como docentes de secundaria e de transmitir que hai que ensinar os alumnos de maneira que eles o pasen ben nas clases pero nós tamén.  Grazas por transmitir que realmente vos gusta o que facedes e que se trata dun traballo moi gratificante, xa que tiven profesores cando estudaba que se vía que non lles gustaba traballar niso como ocorre en moitos outros traballos, pero coido que no caso dos mestres a vocación é o primordial que che guste ensinar a nenos e neste caso a adolescentes e transmitirlles os contidos de maneira que eles o pasen ben xa que no caso da ESO non van porque eles queiran, e que ti o pases ben con eles. Foi un pracer!!!!

martes, 7 de febrero de 2017

(1/2/17) Titorías e PMAR

No noso futuro como docentes imos ser titores e penso que como mestres de inglés estaría ben traballar os temas que se deben tratar na hora de titoría e que mellor que facelo usando o inglés para comunicarnos, pero como ben dixo Luz debe ser de acordo mutuo co alumnado.

Se penso nas miñas titorías cando fun alumna, adicabámonos a facer os deberes ou traballos de outras materias ou como moito a traballar aspectos e resolver dúbidas da materia que o titor impartía, algo que penso que non debe ser así pero é máis cómodo iso que preparar material para as horas de titorías.

Antes de nada gustaríame compartir con todos esta gran frase:



Comezamos a sesión cunha actividade na que varios compañeiros tiñan que dicir o seu nome, onde vivían e os seus gustos con palabras que comezasen pola inicial do nome. Despois vimos diferentes exemplos de actividades que poderemos levar a cabo nas nosas aulas como por exemplo aquelas que teñen que ver cos hábito de estudo, unha autoevaluación do mestre e do alumno ou o se horario extraescolar semanal. Unha actividade que me parece estupenda para crear un bo ambiente na aula, que o primordial como mestre é que teñan que facer un comentario sobre un compañeiro co que non se levan ben o un dun amigo que non coñeza todo o mundo, logo como mestre comentalo en clase e teñen que adiviñar de quen se trata, pero sen dicir quen foi o autor do comentario.

No referente a PMAR temos que levar a cabo actividades máis sinxelas é dicir adaptar as actividades que tes para eles porque se trata de alumnos que repetiron mínimo dous anos, moitas veces debido a situacións particulares. Moitos deles por baixa autoestima, problemas de integración social,e tamén falta de hábito de estudo e traballo. O bo destas clases é que o número de estudantes é menor entón vas poder  traballar con cada un deles de maneira máis individualizada, o que si vas ter que ir pouco a pouco e a base de repetir certas actividades varios días. Un punto que aprenden con facilidade é o vocabulario, segundo as experiencias vividas pola mestra, ademais mostrounos algúns exemplos de actividades feitas por ela. As actividades que son mecánicas e de repetición funcionan ben xa que senten que co tempo saben facelo e failles sentir que o fan ben, con estos alumnos é moi importante reforzar as cousas que fan ben máis para que a súa autoestima mellore e a maiores crear un hábito de traballo na aula.

Cando rematamos a clase a verdade é que me quedei pensando de alumnos que viven estas situacións nas que moitas veces eles non teñen a culpa, senón que o entorno que os rodea non é favorable, non contan con axuda para as tarefas ou teñen familias desestruturadas e problemas graves e iso inflúe nos seus estudos. Como ben dixo a mestra conseguir que os alumnos aprendan o básico na materia de inglés e que non abandonen os estudos é un traballo moi gratificante e debe ser un sentimento único, ver como o final aínda que non lograsen estudar un grado conseguiron non deixar os estudos e facer un ciclo ou conseguir un bo traballo.


(1/2/17) CLIL e auxiliares de conversa

Esta sesión estivo impartida polas dúas mestras, as primeiras dúas horas falamos do método CLIL no cal participa Ana dende fai anos como coordinadora ademais de falar dos auxiliares de conversa.

Comezamos a clase cun warm-up que trataba de gustos, na cal a clase se tiña que colocar dun lado da aula ou doutra segundo as súas preferencias e falar cos compañeiros do tema que mencionase. Algunhas das opción era té ou café, verán ou inverno, coche ou moto entre outros e tiñamos que dicir que preferiamos e porque.



Anteriormente xa viramos noutra materia este tema pero a verdade tratáramos máis ben a teoría, sen embargo nesta sesión centrámonos realmente na práctica e como se leva a cabo. En Galicia o método CLIL, ou AICLE en castelán, é o que se coñece como sección bilingüe nos centros, é dicir que se imparten outras materias en inglés a maiores da propia materia de lingua inglesa.

Para isto queda claro que como mestres de lingua inglesa imos ter que traballar dende a aula contidos relacionados co método CLIL para servir de apoio e traballar estruturas e vocabulario específico co alumnado e tamén para axudar ó profesorado. O obxectivo é que os alumnos aprendan novos conceptos comunicándose, predomina a expresión oral antes que a estruturas de gramática, polo tanto debemos ter máis presente a fluidez e non tanto o uso da lingua.

No que respecta ós auxiliares de conversa que se lles concede ós centros penso que xogan un papel moi importante e de útil axuda xa que se pode repartir a clase, e metade da aula estaría co docente e a outra metade co auxiliar, algo que fai que poidamos traballar de maneira máis persoal e con menos a alumnos e así favorecer a función comunicativa e poder tratar de cerca con todos. Ademais de que así tamén se familiarizan cos diferentes acentos e contan cun falante nativo que fai que se sintan motivados xa que se ven que os entenden e que eles entenden motívanse cada día máis e perden ese medo de falar noutro idioma. Aínda que, como ben falamos na aula, depende moito da persoa que teñas como auxiliar e de como traballa ela e que experiencia ten.

A verdade é que nesta clase vimos realmente como funciona de primeira man a metodoloxía AICLE e como se traballa, ademais de contarnos varias anécdotas. Que pena que xa quede menos para que se acaben as sesións desta materia.

jueves, 2 de febrero de 2017

(31/1/17) Expresión escrita

Na sesión deste martes a actividade de warm-up fixémola nós presentando ante o resto da clase a actividade que pensaramos para levar a cabo cunha foto como documento a partir do cal deseñariamos a actividade de clase.





Como dixemos en anteriores sesións todo o que facemos na aula debe ter un propósito e unha razón para levarse a cabo. No que á expresión escrita respecta temos que tratar de buscar un fin entretido para eles e que lles chame para que así escriban porque se lles mandas escribir en inglés sen máis non o van facer. 

Unha das posibilidades é que escriban cartas a outros alumnos de centros de lingua inglesa para un programa de intercambio do centro ou por exemplo para revistas ou blogues do centro nos que eles fagan un artigo en inglés. Un exemplo de actividade que mencionou a mestra que lles escribisen unha redacción na que falen sobre eles, os seus coñecementos de inglés e que van facer nun futuro paréceme que está moi ben para coñecer o teu alumnado, de feito eu para a Escola de Idiomas tivera que facer algo parecido falando sobre min, que estudara e porque decidira ir a clases.

Outro dos casos nos que poden traballar a expresión escrita e contar historias e botar imaxinación ben sexa cunha canción, a partir dun vídeo, periódico ou calquera outro material que previamente seleccionemos. Con respecto isto podemos coller un mesmo material que nos valga para os diferentes cursos, só teremos que cambiar a maneira de traballalo nuns cursos e noutros, por exemplo darlles máis información e completar ocos ou ordenar unha historia nos primeiros cursos e xa nos últimos que sexan eles quen nos conten a historia.

Un libro que serve como guía para realizar actividades nas que se traballe a expresión escrita é o Minimax, de feito Luz fixo en clase dous exemplos do libro. O que máis me chamou a atención foi o dos cinco sentidos xa que ós alumnos lles vai resultar interesante a idea de cerrar os ollos e pensar no seu lugar ideal no que lles gustaría estar, e unha vez que escriban o que se pide xa teñen a base para realizar unha pequena redacción en inglés. Ademais de que me gustou moito a actividade coa canción de Cranberries na que tiñan que escribir unha historia co que lles suxiría o vídeo, pode ser porque son unha apaixonada da música e creo que vou usar moito as cancións nun futuro para diferentes actividades,

dreams

Outro aspecto que tratamos foi o da avaliación, sen dúbida unha das labores de máis responsabilidade para un mestre e da que non falaramos no máster antes de ter esta materia. Dende  que vimos exemplos de exames e de rúbricas quédame un pouco máis claro o das rúbricas, que só viramos por riba na materia de Innovación, a rúbrica debe de ser sinxela e clara tanto para o mestre como para o seu alumnado, ademais de que se debe ensinar ó alumnado para que saiba que aspectos se van avaliar e poder ter iso preparado para os exames. Á hora de elaborar o exame o mestre debe de por exercicios doados e outros máis difíciles para aqueles que queiran acadar unha mellor nota e non só un 5.

Opino coma ela penso que o alumnado se lles debe ir facendo probas cada certo tempo ou por temas para ver como van indo e non só facer un exame final da materia, porque nunha soa proba non se pode avaliar a un alumno porque pode  haber factores externos que inflúen  como porse máis nervioso por xogarse todo nunha soa proba ou non ter un bo día por exemplo.

miércoles, 1 de febrero de 2017

(30/1/17) Avaliación nas aulas de lingua estranxeira

 A clase deste luns centrouse na avaliación, unha das labores máis delicadas e de maior responsabilidade dun mestre. Se penso como alumna nos mestres que tiven seguro que recordo algún que non era xusto coas correccións, ou que non nos daba os criterios de avaliación con anterioridade da realización das probas. 






Ó comezo da clase fixemos unha actividade en grupos de catro na cal tiñamos que quedarnos con tres aspectos negativos sobre a avaliación de mestres que nos tiveramos, coido que é unha moi boa práctica porque como futuros docentes debemos evitar aprender das cousas malas de mestres que tivemos e tomar como referencia as boas.

Posteriormente vimos cales son os principios básicos á hora de avaliar os alumnos, validez, fiabilidade e factibilidade. Se miro ó pasado, penso en moitos casos nos que os mestres non tiñan claros os principios á hora de avaliar, xa que nalgunhas ocasións tiven exames nos que poñían contidos non traballados na clase ou que dicían que non entraban no exame, ademais de que era demasiado longo para o tempo de exame que nos tiñamos, é dicir non era factible. Penso que non debe ser tan difícil facer unha proba para ó alumnado de acordo cos contidos da clase e que se axuste ó tempo requirido para a proba. Outro aspecto importante é o de que se tes dous exames do mesmo nivel que deberían levar a mesma nota, debes facelo e non dar máis ou menos puntuación porque un sexa máis simpático ou se leve mellor co mestre.

En canto ó momento no que se debe avaliar considero que se deben de aplicar tanto a formativa, como a inicial e a sumativa, no meu caso cando estudei a ESO non tiven probas para ver ó comezo de curso con que nivel contabamos, algo que coido que é imprescindible para saber o nivel do alumnado e que é o que vas a ter que traballar na túa materia. Logo vimos como facer listas de control, rúbricas e  follas de observación, para iso o mellor e elaborar unha propia marcando uns puntos principais e a partir de aí ir avaliando.

No caso dos idiomas, algo no que van mellorando co paso do tempo é no de non avaliar só a gramática, senón tamén a expresión oral e a produción escrita. No caso da expresión oral se non podes gravar ós teus alumnos o mellor é que teñas unha ferramenta ben sexa rúbrica ou lista de control para poder tomar notas sobre os criterios que coidas que debes de avaliar, ben interactuando por parellas ou facéndolle ti as preguntas. Á hora de corrixir unha produción escrita dos alumnos un bo método é que lle marques os erros e lle poñas uns códigos que serán dados nunha folla ó comezo do curso e explicados, e posteriormente eles deben de corrixilos e volver entregalo. Eu contei cunha mestra na EOI que o facía e penso que me foi moi útil e é unha boa maneira de aprender do erro e non que xa cho dean corrixido.

Desta clase co que me quedo e con que non é o mesmo corrixir, que avaliar ou cualificar, non son sinónimos senón que se usan en diferentes contextos. 

martes, 31 de enero de 2017

Actividade en grupo baseada nunha imaxe


Aquí vos queda o link no cal podedes ver a actividade que plantexamos no noso grupo baseada nunha fotografía. Trátase dunha foto dunha casa octogonal algo que  aquí non é común, polo tanto vailles chamar a atención ademais de que van ter que descubrir porque poñemos unha casa e que relación ten co mestre.

actividade

A parte de todo o que xa mencionamos no documento, eu faría un posterior debate en clase no cal falaremos sobre as súas opinións de compartir piso ou vivir nunha residencia cando vaian estudar á universidade. Como ben dixemos nas aulas a un alumno non o podes poñer a debater sen máis polo tanto teriamos que traballar previamente estruturas que usen para dar opinións. Para traballar o vocabulario ocorreseme a idea de facerlles preguntas con Have you ever been sobre eles ou sobre alguén cercano, como por exemplo se compartiron habitación nalgunha excursión, ou alguén cercano que cando estudase compartise piso, entre outras, así podemos mencionar nas preguntas o vocabulario co que poderían traballar. Xa cando debatan poñelos primeiro por parellas e logo por grupos. 

Outra cousa que poderiamos facer coa primeira parte da historia é un dictogloss, porque o contarnos a historia principal recordanse mellor, que no caso da segunda parte porque nos conta a historia destas casas.

lunes, 30 de enero de 2017

(18/1/17) CALL

Cando comezamos a clase e Carlos nos  fala de CALL, a verdade e que non sabía ben o que era, só sabía cal era o significado das siglas. O primeiro que debemos ter claro é que se trata dunha didáctica na aprendizaxe e non dunha metodoloxía. Unha vez que empezamos a falar do tema si que era consciente de que xa traballara na materia de innovación con algúns dos ambientes nos que se usa o CALL. De feito tivemos que facer un MOOc como se foramos docentes de inglés por parellas de dous dun tema que nos escolliamos.






Coido que é un  bo proceso para a aprendizaxe de idiomas porque ten que haber unha interacción, ben sexa co mestre, cos outros alumnos ou co contido da web, é dicir que temos unha aprendizaxe colaborativa. Outro dos aspectos positivos é que o proceso de aprendizaxe pode ser personalizado, os mestres poden ver como evolucionan os alumnos e poden reorientalos con exercicios sobre os aspectos nos que eles máis fraquean.

Un aspecto que si hai que ter moi en conta é que se pode aprender en calquera momento e dende calquera lugar sempre que dispoñamos dun dispositivo móbil, portátil ou tablet, pero no que respecta ó horario  dende un primeiro momento débese marcar un horario porque os mestres haberá horas nos que non  poderán corrixir ou comentar. Ademais de que conta con diferentes modalidades que permite que o aprendente se adapte á que mellor lle conveña segundo ás súas necesidades, se queren ser partícipes dunha comunidade de aprendizaxe ou ben de pequenos ou grandes grupos, se queren aprender sen docente, etc.

Sen dúbida o máis destacable da clase é que como mestre que usa CALL nos ensinase como traballa el a través do Facebook con grupos que crea el cos seus alumnos de clase. Ensinounos un amplo abano de actividades que el leva a cabo cos seus grupos de alumnos, e como fai el as correccións do que publican os seus alumnos na rede. Coido que ver de primeira man o que fai é moi bo porque nos pode servir para facelo nos como futuros docentes e para coller ideas de actividades que fai, en todos os casos as actividades que se propoñen van acompañadas dunha imaxe que capte a súa atención para asi conseguir motivalos. Tamén é necesario usar andamiaxe marcando as estruturas que queremos que traballen para que así saiban o que quere o docente, ademais de poñerlles exemplos. Como se trata de Facebook os alumnos xa teñen interese pola rede, pero é importante que mostren interese por iso. Un aspecto positivo é o de que non se debe exceder ó alumnado con actividades senón de non poñer un par delas á semana, ademais de poñer comentarios coas posibles correccións dos erros e non poñer que está mal, senón que se dan pistas e unha vez corrixido o comentario eliminase. Con isto facilitamos que ó alumno non sinta diante dos demais que non fai as cousas ben e se bloquee ou desmotive, coido que debes orientalo onde está o erro pero non dicir que está mal, para que así se poida aprender dos erros.

sábado, 28 de enero de 2017

(26/1/17) Comprensión escrita/lectora


Cada clase que vou tendo desta materia faime ser máis positiva e ver que  as cousas non tan negras,  xa que estou máis tranquila e penso que si podo ser e son capaz de ser unha boa docente. Pode ser que vaia perdendo parte do medo escénico de porme nunha aula diante de 30 alumnos e de que non vou ser capaz, ademais de que os mestres nos transmiten seguridade e moitas ganas de estar xa dando clases nun centro. Sen dúbida que da clase do xoves me quedo coa cita de Albert Einsten  "Si buscas resultados diferentes, no hagas siempre lo mismo", como mestre cada clase debe ser diferente para así conseguir os mellores resultados.





Ó igual que no listening, na comprensión lectora ou escrita tamén temos que ter en conta as tres etapas (pre-lectura, lectura e post-lectura), e nelas podemos desenrolar diferentes tipos de actividades e traballar as diferentes destrezas. No caso da lectura non é necesario que o alumno entenda palabra por palabra o texto nin que saiba o significado de todas, senón que o importante é quedarse coa idea principal, ademais de que moitas veces o propio contexto danos pistas de que poden significar as palabras que non entendemos, como pasaba na actividade que nos deu dos medios de transporte que había palabras inventadas pero sen embargo entendemos o texto.

Unha das actividades coas que comezamos a clase The three minute test pareceume moi interesante e demostra unha vez mais que os alumnos non leen ben todas as preguntas ou exercicios, e non só os alumnos porque eu tamén piquei. Algo moi importante que debemos ter en conta como mestres é o de ser coherentes e ter sentido común e se por exemplo estás a corrixir algo de comprensión escrita non podes ter en conta os erros gramaticais senón que debes valorar que entendan a idea do texto ou que respondan o que ti pedías. Outro exemplo de actividade de comprensión foi o das prioridades na cal tiñan que decir que farían primeiro e para iso entendelo, e segundo o que respondan significa unha cousa ou outra.

No meu caso nas actividades de comprensión oral estou acostumada a leer un texto e responder preguntas, sen embargo na clase de hoxe descubrín que hai maneiras moi divertidas e máis interactivas de facer comprensión de textos como por exemplo o caso do texto no que se repite tantas veces nice, na que ademais traballamos vocabulario e expresión oral, ou a historia que nos deu plastificada para que a ordenásemos. Amosounos algúns  dos modelos de exame que facía no seu centro para a comprensión lectora, para que así nos puidesemos familiarizar con eles, a verdade e que eran bastante complexos e que había unha gran variedade de actividades, ademais de imaxes que apoiaban o texto e servían de axuda para os alumnos.

Para rematar gustaríame mencionar que cada día de clase é diferente á anterior, e aprendemos estratexias e diferentes actividades que podemos poñer en práctica no futuro ademais de darnos consellos que coido que nos van a ser moi útiles para a nosa labor como docentes.

viernes, 27 de enero de 2017

(25/1/17) Expresión oral


Unha das frases coas que me vou quedar desta clase e coa de que todo o que fai un mestre nas súas aulas debe ser con algún propósito e debe haber un motivo polo que se fai. Comezamos a clase cunha actividade na que en grupos tivemos que dicir que tiñan de especial unhas follas que nos deu, un warm-up para comezar unha clase sobre o medio ambiente e a reciclaxe. Ademais de que debe estar relacionado co que se vai tratar na clase e enlazar os temas uns con outros e non ir saltando dunha cousa a outra sen que os alumnos o sigan ben e se perdan, o importante dun mestre non é transmitir contidos sen mais senón transmitilo ben e  ter sempre un fin de todo o que leva a cabo nas súas aulas. 

Encantoume a idea de que fixese un crucigrama personalizado coa información de interese que puxeramos nas fichas do primeiro día, penso usalo no meu futuro como mestra para que os alumnos se coñezan entre eles. Coido que aínda que nos casos vistos en clase as actividades sexan comunicativas, estamos a traballar cos nosos alumnos gramática e vocabulario dunha maneira máis interactiva, porque é imposible separalas porque están integradas na lingua. Os alumnos deben de aprender a comunicarse en situación reais que van vivir fóra do centro non só nas nosas aulas. Unha actividade na que non caera para realizar nas clases de inglés son os test de personalidade algo que lles vai interesar moito nesta idade, aínda que algunhas respostas haberá que cambialas un pouco debido a idade na que se encontran a adolescencia, como o caso que nos puxo na clase do caso do ovo.


Puidemos ver como dunha foto persoal ou dalgún artista como o caso de Cinderella podemos facer actividades para traballar a expresión oral, actividade que poder facer máis longa ou máis curta. Algo que apunto para a miña futura docencia é o de que sempre temos que ter cousas preparadas para a túa aula por se quedan cinco minutos de clase, ou se tiveron exame e están alterados, ou mesmo por se che fallan as tecnoloxías na clase, para iso podes levar dende fotos, ata algún xogo ou mesmo debuxar na pizarra e que vaian describindo. E sen dúbida unha bolsa con diferentes obxectos que teñas na casa ou no despacho e que o describan diante da clase, ademais dunha bolsa na que leves como reforzador de que fixeron algo ben algunha chocolatina ou algún marcador con emoticonos de que o fan ben ou mesmo palabras en inglés.

Para finalizar de cada sesión que temos voume quedando con moitas ideas que usaría no meu futuro, ademais de enlaces de páxinas de interese como lessonstream. Con ganas de máis clases porque cada clase é diferente a anterior.

(24/1/17) Comprensión oral


Despois dunha fin de semana un pouco máis longa, temos a primeira clase coa mestra que nos faltaba por coñecer da materia de Didáctica, ela chámase Ana e é mestra de inglés no IES Carlos Casares. Despois de que se presentase fixemos unha actividade de warm-up na cal comezou unha frase dicindo como se chamaba e cal era a súa materia favorita e nos tiñamos que contar o mesmo sobre nos e repetir todo o anterior, cambiando a información nosa a metade e cambiando a orde na que nos tocaba tamén. Coido que se trata dunha moi boa actividade para coñecer os nomes dos teus alumnos e saber o nivel de inglés, ademais de como ben dixemos nas aulas de Luz captar a súa atención e que todos participen. Saberse os nomes dos alumnos é máis importante do que moitos pensas xa que se ti te dirixes a eles polo seu nome fas que se sintan partícipes na aula e notan que ti te dirixes a eles, algo que vai facer que a aula sexa un ambiente cómodo para eles e non se sintan cohibidos.







Algo no que fixo  moito fincapé é  a importancia do primeiro día dun mestre coa súa clase, temos que transmitir seguridade e empatía cos alumnos, crear  un bo ambiente na aula pero sen esquecer respecto mutuo. Non podo negar que a medida que se acercan as prácticas cada día estou máis preocupada sobre como vai ser o meu primeiro día e como poder transmitir esa seguridade nos meus alumnos, teño experiencia como mestra particular pero non é o mesmo. O que si teño claro é que me encantan os nenos e que dende que era nena sempre quixen ser mestra, gústame axudar as persoas en todo o que está na miña man e neste caso ós alumnos, axudarlles a adquirir coñecementos, e transmitirlles os contidos necesarios para que aprendan. Algo que me chamou a atención é que despois de moitos anos seguise durmindo mal a noite anterior o comezo de clases, niso sentínme moi dentificada porque iso mesmo me vai pasar uns días antes das prácticas e coñecéndome no meu futuro como mestra. 

Como ben sabemos o mestre xoga un papel fundamental na aprendizaxe dos seus alumnos e para iso é importante que haxa unha motivación do alumnado, neste caso falamos da motivación intrínseca é dicir aquela que nos leva a facer cousas só pola satisfacción de facelas, é dicir que nos gusta facelas. Unha maneira de conseguir iso nas nosas aulas, é facer actividades relacionadas con temas persoais ou temas de interese para os alumnos, ademais da curiosidade por saber cousas dos demais compañeiros, do mestre ou temas de interese, tamén mediante competitividade por exemplo xogos nos que haxa un premio ou un gañador.

No tocante ó listening vimos que debe constar de tres etapas a pre-escoita, escoita e post-escoita, e o mais importante é non coller unha escoita ou vídeo moi longo. Cun listening podemos traballar tanto a gramática, como o vocabulario e a expresión oral. Tamén nos falou dos diferentes tipos de ditados que podemos realizar (running dictation, bingo dictation), de feito fixemos na clase un running dictation algo que non  me resulta novo posto que o fixera fai unhas semanas na escola de idiomas. Recordo que cando era nena odiaba os ditados e de feito en clases de inglés nunca fixen un ditado, pero penso que se daquela a miña mestra fixera calquera dos mencionados na clase pola mestra encantaríanme. O que temos que facer sempre é que todo o que fagamos na aula teña un propósito e enlazar unha cousas con outras. 

Como conclusión, as horas de clase pasaron tan rápido que dixen que pena que non contásemos con máis profesores como os de didáctica dende antes, ademais de que toda a variedade de material plastificado que usa para as súas clases me parecen moi útiles. Como reflexión persoal pensei porque eu durante a miña secundaria tiven mestres tan tradicionais e non mestres así...

martes, 24 de enero de 2017

(12/1/17) Competencias clave

Cando nas outras materias comentabamos aspectos que tiñan que ver directamente coa práctica como futuros docentes todos nos dicían iso verédelo en Didáctica, por iso as ganas de ter esta materia eran inmensas. Aínda que custaba volver porque estiveran as vacacións do nadal polo medio a verdade e que xa tiña ganas de empezar as clases desta materia e coñecer os mestres que ían impartilas e poñerse mans á obra. 

A verdade é que a primeira clase que tivemos me gustou moito porque por fin era práctica, ó igual que aconteceu no caso de Carlos, o de entrar como se fose xa unha clase e irnos familiarizando con iso que é o que imos ter que facer nós nas prácticas en menos dun mes. Unha das mestras chámase Luz e traballa no Alexandre Bóveda, e despois dunha pequena introdución fixemos unha actividade warm-up coa que soubemos un pouco máis da mestra, ata ese momento nunca escoitara falar dela e pareceume unha moi boa actividade para conseguir que todos os alumnos presten atención ou para omper o xeo, ademais de intercambiar o rol, xa que eramos nos quen preguntabamos e non o mestre. Un aspecto importante é que se pode repetir as veces que queiras porque podes falar de diferentes temas, por exemplo usalo para a vida persoal, sobre gustos dependendo do tema e da clase pódese adaptar.

Posteriormente, tras unha aclaración sobre que era ser competente e cales son as competencias clave mostrounos varios exemplos de actividades que ela realiza cos seus alumnos no centro no cal traballa. No que a metodoloxía que emprega como mestra, gustoume moito posto que os exemplos que nos mostrou fan que a aprendizaxe dun idioma sexa interactivo e que os alumnos mostren interese polo idioma, algo que non pasaba cando eu estudiei secundaria, porque as clases se basaban máis en exercicios de grámatica e tradución, por non dicir que non faciamos listenings nin speakings en clase. Coido que desta maneira a aprendizaxe é significativa e contextualizada, non se trata só de traballar listas de vocabulario  sen contexto ou exercicios de gramática.



 As actividades que máis me chamaron a atención foi role play de alguén que mercaba algo é o vendedor. Trátase dunha situación real na cal probablemente o alumno non saiba como se di en inglés o obxecto que vas mercar, polo que vai empregar estratexias de compensación e dicilo doutra maneira para que a outra persoa te entenda. Ademais encantoume a idea das alumnas que foron grabar un vídeo e entrevistar os pasaxeiros dun cruceiro que atracou no porto de Vigo, paréceme moi orixinal e creativo ademais do dobre traballo que leva preparalo na casa e logo perder a vergoña a falar con alguén nativo e poñerse nunha situación real, e coido  que anque haxa algúns erros na pronuncia ou na gramática, non importa tanto senón todo o esforzo levado a cabo e a creatividade das alumnas.

Como conclusión, coas clases desta materia a verdade e que cada día teño máis ganas de poder poñer en práctica todo o que nos aprenden nas clases e tamén cos meus alumnos de clases particulares. Ademais de que nos axudan moito a acercarnos a realidade coa que nos vamos atopar e me fan ver que si que se pode sempre e cando un estea disposto e lle gusta realmente o que fai, e dende o meu punto de vista penso que ser mestre é do mellor.


Dossier (actividade competencias)



Curso: 2º ESO

Competencias:

Competencia en comunicación lingüística (CL)
Competencia dixital (CD)
Competencia en conciencia e expresions culturais (CEC)

Temporalización: 2 sesións de 50 minutos máis traballo para casa


Primeira sesión:

Pónselle ó alumnado na clase unha canción en inglés para que a escoiten e traten de entender o máximo posible dela.







O alumnado antes de que se reproduza a canción fará preguntas ó  mestre para saber de quen é a canción e algo máis sobre o cantante ou grupo, é dicir que son eles os que teñen que adiviñar de quen se trata. Para iso daráselles algún exemplo de posibles preguntas:

Where are/ is he/she/they from?

Has/have she/he/they got blond hair?

Has /have she/he/they got blue eyes?

How old are/is he/she/they?

Así traballamos as descripcións de persoas e preguntas básicas para que practiquen acerca diso. E unha vez rematada a quenda de preguntas pónselles a canción, no caso de non saber de quen era o mestre fai unha breve aclaración de de quen é, ademais de falar de quen son os Beatles e a súa importancia.

Na sesións anteriores traballamos tempos verbais (Past Simple, Present Simple...), como actividade daremos a letra da canción  para cubrir ocos , ordenada ou completar coas palabras que faltan.

YELLOW SUBMARINE

(Order the lines)
In the land of submarines
Lived a man who  sailed to sea
In the town where I was born
And he told us of his life

(Choose one option)
So we  sail/ sailed up to the sun
Till we find/found sea of green
And we live/lived beneath the waves
In our yellow submarine

We all live/lived in a yellow submarine
Yellow submarine, yellow submarine
We all live/lived in a yellow submarine
Yellow submarine, yellow submarine

(Fill the gaps)
And our friends______all aboard
Many more of them live next door
And the land_______to play

We all live in a yellow submarine
Yellow submarine, yellow submarine
We all________in a yellow submarine
Yellow submarine, yellow submarine

(Order the words)
Full / Mr. / ahead / speed / ahead / full / speed / ahead / Boatswain
Sergeant / ahead / is/ it/ speed
the /drop/ Cut / cable / the / cable /
aye / Sir / Aye
Captain / captain

(Fill the gaps)
As we_____a life of ease
Every one of us________all we need
Sky of blue and sea of green
In our yellow submarine

We all live in a yellow submarine
Yellow submarine, yellow submarine
We all________in a yelllow submarine
Yellow submarine, yellow submarine
We all live in a yellow submarine
Yellow submarine, yellow submarine

Unha vez posta a canción dúas veces na clase e despois poñémola coa letra debaixo e aproveitamos para cantala.

lyrics

Na casa os alumnos deben buscar información para a próxima sesión acerca do seu cantante ou grupo de música favorito, cales son os seus gustos, de onde son, cantos anos teñen e a letra da súa canción favorita.

Segunda sesión:

Na seguinte clase os alumnos terán que averiguar quen é o cantante ou grupo favorito dos seus compañeiros. Para iso colocaránse diante da clase dun en un e o resto dos compañeiros faránlle preguntas para adiviñar de quen se trata, o alumno que adiviñe sumará puntos. Gañará quen máis puntos teña e ó final da clase se o mestre conta cun ordenador na aula poñense as cancións do alumnado.

miércoles, 18 de enero de 2017

(16/1/17) Aprendizaxe baseada en tarefas

A clase deste luns resultoume moi interesante, xa que escoitara falar moitas veces ós meus alumnos de que realizaban proxectos nalgunhas materias e tarefas, pero non sabía exactamente en que consistían, ademais de falar del cando vimos as diferentes metodoloxías na aprendizaxe de linguas en anteriores materias deste mestrado. Penso que a aprendizaxe baseada en tarefas é moi útil e favorece a aprendizaxe en moitos aspectos, como futuros docentes debemos de considerar facer tarefas nas nosas aulas ó igual que proxectos.






Con esta aprendizaxe conseguimos que todos os alumnos particípen en clase, que vaian máis motivados ás aulas porque polo xeral cando se lles mandan realizar tarefas  que normalmente adoitan ser próximas a eles e baseadas en actividades da vida cotiá ou reais, interesalles máis que unha clase na que se ensinan contidos teóricos ou os típicos exercicios para praticar a gramática. Ademais disto, conseguimos traballo cooperativo, que os alumnos reflexionen sobre a tarefa realizada cos seus compañeiros e tamén potenciamos a creatividade nas aulas. Con este tipo de enfoque a aprendizaxe vai ser máis significativa e polo tanto o alumnado vai aprender a empregar o vocabulario dentro dun contexto ou a usar determinados aspectos gramaticais ademais da comunicación lingúïstica e vaino recordar mellor que se se lle dan listas con vocabulario ou fai exercicios de gramática, posto que se vai acordar da tarefa que fixeron  e asociar os contidos con iso.

Como actividades de clase que fixemos pareceume moi interesante a de pensar en grupos unha tarefa como futuros docentes, no noso caso a idea foi a de crear un folleto sobre un restaurante doutro país, dándolles nos pautas de sobre que cultura o faría cada grupo e que se debería de mencionar no folleto. Outra idea que se me ocorre de tarefa sería a de facer un mercadillo no que os estudantes puidesen intercambiar tanto libros, como xogos, películas  ou cousas que tivesen en casa e non usasen. Dividiríase a clase en grupos e uns serían os vendedores do mercado e outros os que mercaban, ademais de dividir os vendedores en diferentes postos según os materiais que trouxesen, e para iso como tarefa previa traballariamos  o vocabulario das compras, prezos, expresar cantidades, como chegar a un acordo, estar de acordo ou en desacordo, etc. Despois disto fariase unha representación no centro do mercadillo para que outros alumnos puidesen velo e mesmo se algún alumno da clase quixese ou o mestre gravar a escenificación do mercadillo. 

sábado, 14 de enero de 2017

(11/1/17) Factores que inflúen na situación do ensino de linguas

Á hora de ensinar unha lingua ben sexa esta estranxeira ou segunda inicial, debemos ter en conta unha serie de factores que son importantes  entre os que destacan as características do alumnado ó que se lle ensina, as características do centro no que se ensina e por último cales son as necesidades e os obxectivos. Como todos sabemos non é o mesmo ensinar inglés como lingua estranxeira para alumnado de primaria, que de secundaria, que na EOI ou inglés para seniors e tampouco imos ensinar o mesmo dependendo das necesidades e intereses do noso alumnado.




En concreto voume centrar na aprendizaxe baseada nos erros, que estaría dentro das características dos alumnos. Evidentemente somos humanos e non máquinas e cando aprendemos unha nova lingua non nacemos sabéndoa, senón que pouco a pouco imos apréndendoa e por iso é totalmente comprensible que todos teñamos erros durante ese proceso. Moitos destes erros serán debidos ás interferencias que teñamos entre a lingua inicial  e a nova lingua, xa que as estruturas non son semellantes, haberá algunhas que si non todas, e ademais dependendo do tipo de linguas será máis doada a aprendizaxe. Por exemplo se se trata de dúas linguas analíticas como é o caso do inglés e o castelán ou galego debería de ser máis doada a aprendizaxe, pero sen embargo en estruturas é máis doado o francés ó tratarse dunha lingua romance. Polo tanto atoparémonos cunha gran variedade de erros de diferentes tipos que nos van a servir de base para comparalo coa forma que sería a normativa, por iso coido que non se debe dar tanta importancia a que o fíxeche mal senón que se debe de concienciar ó alumno de que dos erros se aprende e para iso estamos para aprender. Usar as semellanzas estruturais entre o idioma inicial e o idioma que se está a aprender é moi útil, pero moitas veces tratamos de facelo da mesma maneira que na lingua inicial ou queremos comparar todo coa nosa lingua inicial e entón filtrámolo. De aí moitos dos erros, ademais na idade crítica dos nenos que é os dez anos, a lingua inicial convértese no seu filtro e úsana para aprender un novo idioma e recorren á tradución.

Algúns dos erros máis comúns no inglés por diferenzas nas estruturas son a omisión do suxeito, a colocación do adxectivo despois do substantivo, outros erros comúns por diferenzas entre idiomas son as preposicións xa que os anglosaxóns teñen varias preposicións cando nos usamos unha soa para eses diferentes usos, o emprego dos artigos que é diferente. Outros erros frecuentes son os false friends, por pensar que son transparentes ó castelán ou galego e no tocante á fonética entre outros cústanos pronunciar as vogais porque nos contamos con cinco sons vocálicos, mentres que eles contan con doce. Considero que os erros son fundamentais porque cando un alumno erra é cando avanza porque queres facelo ben e consegues motivación no alumnado e así aprendes como debería de ser segundo as normas.

Pareceume moi interesante a actividade que fixemos de pór unha frase con erros e que o compañeiro nola corríxise para así ver como corrixiamos algo moi importante como futuros docentes  e que por agora nunca fixeramos neste mestrado, ademais de darnos consellos moi útiles para as correcións.

viernes, 13 de enero de 2017

(9/1/17) Contexto de adqusición e uso das linguas estranxeiras


O primeiro día de clase despois de ver os obxectivos, contidos, a avaliación e facer unha pequena presentación para que o mestre nos coñecese e coñecelo el, fixemos unha actividade por grupos. Esta consistía nunha posta en común das diferenzas e semellanzas que cremos que teñen a lingua inicial e a lingua estranxeira mediante o diagrama de Vann. Coido que se trata dunha boa actividade para saber que coñecemento previo ten o alumnado, que sabe acerca dun tema ou en que punto está o alumnado, ademais de servir como actividade introdutoria a unha posterior explicación teórica ou exposición. Un  aspecto que todos tiñamos claro é que a lingua inicial ou materna se adquire mentres que unha lingua estranxeira e aprende, ademais de saber que ambas linguas serven para comunicarse.





 Posterioriormente, tivemos a presentación sobre o contexto de adquisición de linguas (lingua inicial, segunda e estranxeira) e fixemos unha actividade de posta en común das nosas linguas tanto segundas, iniciais como estranxeiras. primeiro por parellas, logo en grupos de catro e así sucesivamente ata que quedamos dous grupos soamente e o puxemos en común co resto da clase. Deste xeito soubemos, tanto o mestre coma nós, cal era o repertorio lingüístico co que contamos dentro da clase, algo que é esencial para a aprendizaxe dunha lingua, xa que non é o mesmo que ensines inglés para alumnado galego falante, que para alumnado que pase longas estadías no estranxeiro porque ten familia de orixe británica ou alumnado inmigrante. Considero que moitas veces non se ten en conta iso á hora de aprender unha lingua estranxeira e de aí que senón se detecta que o erro que o alumno leva a cabo é por mor da súa lingua inicial,e non se trata de traballar para que non se siga comentendo, o alumno acabe mesmo por non gustarlle a lingua estranxeira ou dicir que non é bo para os idiomas. De todas formas, penso que neste aspecto se está a mellorar hoxe en día e si que se ten en conta á hora de ensinar un idioma, sen embargo coido que cando eu estudaba en primaria e mesmo en secundaria contei con mestres que non o tiveron en conta.

Ademais vimos os  distintos contextos nos que se usa unha lingua (traballo, habitual ou vehicular) sobre o cal realizamos unha actividade en grupos na que tiñamos que responder a unhas preguntas sobre que linguas se usan en determinados contextos. Desta parte o que máis chamou a miña atención e que daría para debatir sería a lingua de traballo nas diferentes empresas, posto que hai empresas que teñen a súa propia politíca lingüística e outras que no a teñen e non hai unhas normas de que idioma debes empregar. Dende a miña experiencia, nalgunhas empresas en Galicia non está ben visto o uso da lingua inicial no traballo, no caso de ser  esta o galego e por iso é mellor usar como lingua de traballo o castelán.

Como conclusión, gustaríame dicir que se tratou dunha sesión moi útil para min xa que me quedou clara a gran importancia que ten saber con que reportorio lingüístico conta o teu alumnado e coñecer o seu contexto como futuro docente de linguas estranxeiras.